Batalla de Schellenberg

Batalla de Schellenberg
Parte de Guerra de Sucesión Española

Gravado da batalla
Data 2 de xullo de 1704
Lugar Donauwörth, Baviera
Coordenadas 48°42′0″N 10°48′0″L / 48.70000, -10.80000
Resultado Vitoria da Grande Alianza
Belixerantes
Inglaterra
Austria
Provincias Unidas
Francia
Baviera
Líderes
Duque de Marlborough
Margrave de Baden-Baden
Conde d'Arco
Marqués de Maffei
Forzas en combate
22.000 homes 12.000 homes
70 canóns
Baixas
1342 mortos
3699 feridos[1]
9000 mortos ou afogados
Aproximadamente 3000 prisioneiros[2]

A Batalla de Schellenberg foi un enfrontamento armado que ocorreu durante a Guerra de Sucesión española, o 2 de xullo de 1704, no forte de Schellenberg, que dominaba a cidade amurallada de Donauwörth, sobre o Danubio, en Baviera (Alemaña meridional).

A batalla opuxo as forzas da Grande Alianza, formada por Inglaterra, Austria e as Provincias Unidas, comandadas polo Duque de Marlborough e Lois Guillerme de Baden, contra as forzas francobávaras, acaudilladas polo Conde d’Arco e o seu lugartenente o Marqués de Maffei (polo bando galo), e polo Elector Maximiliano II de Baviera e o Conde de Marsin (polo bando bávaro).

Schellenberg, tomada mediante un coup de main,[3] supuxo unha decisiva vitoria para a Grande Alianza, porque creaba un paso seguro no Danubio para as operacións loxísticas de aprovisionamento do exército de Marlborough. Ademais, permitiu proseguir a campaña aliada de 1704 en Baviera. A batalla decidiuse en dúas horas, trala cal se chegaron a contar unhas 14.000 baixas.

Despois da vitoria, os aliados tiñan dúas opcións: ou ben persuadir ao Elector de Baviera para que se unise á súa causa, ou ben facelo saír do seu refuxio en Augsburgo e derrotalo antes de que recibise reforzos. Para facilitar estes fins, os aliados iniciaron a controvertida política de asolar a campiña bávara, mentres negociaban en segredo co Elector para que desertase do bando do Rei Sol. Mais este mantívose intransixente ante as ofertas de arrexuntarse ao bloque imperial, probablemente debido á chegada inminente de reforzos.[4] Aínda que esta estratexia foi infrutuosa, os exércitos enfrontáronse finalmente o 13 de agosto de 1704, na Batalla de Höchstädt (Blenheim seguindo a nomenclatura inglesa), onde o Duque de Marlborough e o Príncipe de Savoia venceron á coalición francobávara do Duque de Tallard.

  1. Chandler páx.137: Marlborough as a Militar Commander
  2. As cifras exactas non se saben.
  3. Operación ofensiva que utiliza a velocidade e a sorpresa para conseguir rapidamente os obxectivos.
  4. Falkner (páx. 43): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory. Marlborough prestaba atención aos comentarios contrarios (sobre todo de Baden) a esta política. Non obstante, foi el quen deu a orde. Spencer (páx. 211) afirma que “devastar Baviera foi, para os tempos que corrían, unha barbaridade”. Chandler (páx. 139) fixa a cifra de municipios asolados en 400.

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search